Wednesday 24 de April de 2024

O Concello de Frades e a ONG Mestura organizan catro cursos gratuítos para veciñas do municipio ao abeiro do Programa Neneiras


Haberá servizo de conciliación

O Concello de Frades e a ONG Mestura colaborarán, por terceiro ano consecutivo, na organización conxunta de catro cursos gratuítos ao abeiro do programa “Neneiras”, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Igualdade para promover a igualdade e a integración social das mulleres do rural. Os cursos terán lugar no edificio multiúsos de Frades durante o vindeiro mes de xullo, ás 16:30 horas, e a asistencia é de balde, se ben é preciso anotarse previamente no Concello de Frades (981 695 567) ou na ONG Mestura (981 661 840).
O Obradoiro de Organización e o curso de Uso de smartphone e tableta terán lugar un día da semana ao longo do mes de xullo e a primeira semana de agosto, ata completar un total de seis sesións. Así, o Obradoiro de Organización terá lugar todos os mércores, mentres que o curso de Uso de smartphone e tableta (tradicionalmente un dos máis demandados) terá lugar nas tardes dos xoves.
Os outros dous cursos constan de catro sesións cada un. Os luns 6, 13 e 20 de xullo terá lugar un obradoiro de Técnicas de relaxación, mentres que os martes 7, 14, 21 e 28 de xullo haberá sesións de bailoterapia. Nos catro cursos, o Concello de Frades e a ONG Mestura ofrecerá un servizo gratuíto de conciliación para facilitar a participación das alumnas.
Estes catro cursos son froito dun convenio de colaboración entre o Concello de Frades e a ONG Mestura, que conta co financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo. Estes cursos presenciais que agora se retoman foron interrompidos durante o estado de alarma polo Covid-19, tempo durante o cal o Programa Neneiras se impartiu a distancia, ofrecendo apoio psicolóxico, asesoramento xurídico, apoio na realización de trámites por Internet, orientación laboral e información sobre recursos de traballo ás mulleres que o precisaran. Así mesmo, organizaron un curso de coidado da muller coidadora e outro de manipulación de alimentos.